Lembranzas dunha infancia no barrio

Autor: Luqui

Eu non tiña paga pero si meu amigo Jon e as súas vinte e cinco pesetas de paga que compartía con nós. Iamos a Miguelito mercar os bazoka, os burmanflash, ou os dráculas que tanto lle gustaban a Jon. Dende a primavera xa iamos ao “cuadrado”, bañarnos, uns en bici e outros a pé.

Pasabamos as tardes e noites na rúa, xogabamos ao fútbol na estrada xa que apenas pasaban coches. Ás veces jon e eu, sentabamos nos muros que dan a que hoxe chaman Avenida Castelao, e xogabamos a repartirnos os coches que pasaban dependendo das cores dos mesmos, comiamos pipas nas escaleiras, e pasaban as tardes até que as nosas nais nos chamaban a berros polas xanelas para que subiramos a casa.

Despois do verán sempre esperabamos a que chegaran as festas do barrio. A algúns nos obrigaban a participar na procesión e aínda por riba ter que cargar coa vela… E ter que ir vestido de domingo, a quen lle gustaba iso? A min non desde logo. En setembro antes das festas o barrio enchíase de xente sobre todo nenos e nenas e moitas familias para ir ás prazuelas naquela semana de cine ao aire libre, onde desfrutamos non só dos amigos senón tamén das películas en pantalla grande… Algo incrible e máxico.

Despois tiñamos que esperar até novembro para a celebración do magosto, e en abril ou maio a excursión de carácter medioambiental a “Festa Ecolóxica”, e por fin en xuño as Olimpíadas deportivo culturais, nas que había durante un mes un montón de actividades deportivas, xogos, obradoiros e mesmo un concerto na parte cultural. En xullo o campamento de Verán. E así era o noso divagar polo calendario do barrio a través das actividades que nos planeaba a Coordenadora do Barrio de Vite.